Monday 29 de April de 2024

Lousame aproba por unanimidade reintegrar en dez anos os 130.000 euros da liquidación da Participación nos Tributos do Estado de 2013


O pleno de Lousame aprobou por unanimidade o aprazamento do reintegro dos saldos debedores resultantes da liquidación definitiva da Participación nos Tributos do Estado no ano 2013, que ascenden a 130.000 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “acollerémonos a un Real Decreto do 2014 que permite que nos vaian descontando esa cantidade en dez anos e sen intereses nas próximas Participacións nos Tributos do Estado”.

A alcaldesa explicou que “o Estado fai cada ano unha estimación e con esa estimación fai os ingresos aos Concello. A final de ano fai liquidación e, no caso do 2013, saíu que recibimos máis do que se ingresou”. Unha vez rematada a sesión, a petición foi enviada ao Ministerio de Facenda.

Na sesión tamén se tomou coñecemento da toma de posesión como concelleiro de Xoán Evans Pin, que terá que xurar ou prometer o cargo na próxima sesión plenaria xa que xustificou a súa ausencia na sesión desta mañá.